xoves, 21 de marzo de 2024

Día da Poesía! Árbores de dous continentes.


 A poesía está en todas partes. Por terra, mar e aire.

Aproveitamos a efeméride para partillar este traballo chulísimo, artístico, multicultural e tamén poético, claro.

O alumnado de 4ª ESO, procedente de dous continentes a ambos lados do charco, traballou en debuxo sobre especies botánicas dos seus respectivos países, documentándose e realizando unhas fermosísimas ilustracións artísticas pero tamén científicas.

Como guinda, unha escolma de poesías alusivas, que está en proceso. Deixámosvos un par de exemplos e o padlet completo do proxecto. Feliz día!


PENÉLOPE

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,

i a tea dos teus sonos non se move.

A espranza nos teus ollos se esperguiza.

Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos

che estrolla o sono mól coma unha uva.

Pro ti envólveste en sabas de mil anos,

i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día

a xente que levaron. Deus é o mesmo.

Suco vai, suco vén, Xesús María!,

e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,

o Tempo vai de Parga a Pastoriza.

Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.

Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

Díaz Castro, Nimbos (1961)

Comentario: esta sería a Penélope da que partimos, unha Penélope que vai adiante e atrás. Situámola na Terra Chá.


OUTRA PENÉLOPE

DECLARA o oráculo:

«QUE á banda do solpor é mar de mortos,

incerta, última luz, non terás medo.

QUE ramos de loureiro erguen rapazas.

QUE cor malva se decide o acio.

QUE acades disas patrias a vindima.

QUE amaine o vento, beberás o viño.

QUE sereas sen voz a vela embaten.

QUE un sumario de xerfa polos cons.”

Así falou Penélope:

“Existe a maxia e pode ser de todos.

¿A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMÉN NAVEGAR.»

Xohana Torres, Tempo de ría (1992)

Comentario: décadas despois temos unha Penélope que desexa navegar, actuar.



Made with Padlet

mércores, 20 de marzo de 2024

O FOGAR DAS MUSAS: Visita ao Museo Etnolóxico de Ribadavia

Continuamos a nosa formación!  Da man dos noso equipo docente, que a través dos Plans Permanentes de Formación do Profesorado nos que participamos están axudándonos coa nosa campaña de musealización, visitamos o Museo Etnolóxico de Ribadavia. 

César Llana, director, Rosa Lamas, encargada da biblioteca e os documentos, e Coté Ruiz, restauradora, amosáronnos o seu incrible entorno laboral. A nosa conclusión foi, entre outras moitas, que o público aprecia pouco o traballo que se fai nos museos, pois as exposicións son únicamente a punta do iceberg, e hai moitísimas horas de dedicación con rigorosa profesionalidade que non vemos. Millóns de grazas a César, Rosa e Coté, persoas boas e xenerosas, e moi sabias, por compartirnos o seu bo facer!

A partir de agora, temos que comezar a inventariar as nosas pezas nun percorrido que non sabemos onde nos vai levar, pero que consideramos necesario. Implicaremos ao alumnado e tentaremos que revirta no favor da comunidade educativa e na nosa vila.

Todo o material sobre o Fogar das Musas, aquí!


















luns, 18 de marzo de 2024

Os nosos actos do 8M

 Por mor dunha alerta meteorolóxica, os actos de visibilización do 8M non puideron ir adiante na súa data: tivémolos que adiar para o pasado día 15.

Reunido todo o centro no pavillón polideportivo, e tras unhas palabras moi emotivas da profesora do departamento de Lingua e Literatura Teresa Devesa Graña, o baile e a actividade física foron os protagonistas da xornada. Como dixo Teresa, facendo súas e reinterpretando as palabras de Martin Luther King, o noso soño sería que non houbera necesidade dun 8 de marzo. Ogallá.

Deixámosvos testemuño audiovisual das actividades.










mércores, 13 de marzo de 2024

Transformación de centros educativos. Estratexias e proxectos innovadores.

 Aí estivemos! Aportando o noso granciño de area, na compaña do IES Valadares, co que dende o curso pasado colaboramos no programa Observa_Acción.

Sempre é bo e bonito partillar as nosas experiencias con compañeiras doutros centros: a cooperación entre os centros educativos é o avance de todos. Que ninguén quede atrás!

E, como se dixo a remate do relatorio, centrémonos nas bondades do camiño máis que na gloria da meta!





venres, 8 de marzo de 2024

8M : Seguimos camiñando

 Botamos man do noso cartaz do curso pasado, elaborado por nós, porque é atemporal. É un cartaz da memoria, do non esquecer para mellorar. 



Durante os vindeiros días contarémosvos como o estamos a visibilizar no IES: hoxe suspéndense as clases por mor das condicións meteorolóxicas e por tanto o encontro con outras entidades educativas da vila non poderá levarse a cabo. Faremos os nosos actos en breve.

Feliz e consciente 8 de Marzo.


Aquí, as entradas desta bitácora sobre o Día da Muller.

xoves, 7 de marzo de 2024

Aprendendo da mellor equipa!!!! Museografía e máis!

Como queremos aprender moito, moito sobre os museos, solicitamos unha liña dentro do PFPP (Plan de Formación Permanente do Profesorado) á que chamamos "O Fogar das Musas" na que aprenderemos fundamentos de museografía, inventario, condicións para unha colección ou como recibir cesións ou doazóns... E un longo etcétera.

E temos tanta, tanta sorte que contamos cunha equipa de auténtico luxo, que traballan no magnífico Museo Etnolóxico de Ribadavia e no Museo do Viño de Galicia: Mª José Ruiz, restauradora, Rosa Lamas, encargada da biblioteca e César Llana, director, as tres do Museo Etnolóxico de Ribadavia, "un museo de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia. Foi creado a iniciativa do entón comisario para a Primeira Zona do Patrimonio Artístico Nacional, Manuel Chamoso Lamas, como Museo de Artes e Costumes Populares. Tras unha etapa como Sección Etnográfica do Museo Arqueolóxico Provincial, adquire a súa independencia como institución museal non ano 1993". 

Museo Etnográfico. Imaxe procedente da súa web.


Tamén se encargan do Museo do Viño de Galicia, un formidable espazo creado oficialmente en 2019 "que forma un conxunto monumental de singular relevancia no Ribeiro con trazas clasicistas ao servizo dunha das súas funcións orixinarias: a elaboración de caldos que transitaban cara a Compostela, pero adaptada, logo da súa rehabilitación, ás necesidades actuais deste tipo de infraestruturas culturais. Foi reconstruído no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola dependente do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela e convertido, tras a desamortización de Mendizábal, na casa reitoral de Santo André de Camporredondo, lugar da parroquia na que se atopa."





Museo do Viño. Imaxe procedente da súa web.


Pois con estes formidables docentes comezamos onte a noso sendeiro museístico, e xa estamos iniciando, baixo a súa tutela, as primeiras prácticas de inventario. Iremos, no sucesivo, partillando materiais e informándovos dos nosos avances.





mércores, 6 de marzo de 2024

Continuamos con... As Versións das Musas

 Hoxe deixámosvos o material de traballo para este proxecto da aula de debuxo artístico, relacionado coas diferentes visións que pode ter cada artista dun concepto. Botádelle unha ollada a este material informativo que partillamos a semana pasada porque é o complemento para que entendamos o bonito e creativo que vai ser este proceso.

Con todos e todas vos, en Versións das Musas, "Obras de arte con outra mirada"!